Nela recóllese dez anos de investigación e documentación arredor da súa vida
“Este libro sobre A Bela Otero, é froito de moitos anos de traballo e procura incesante de documentación sobre unha muller galega que, como moitas, rebeláronse contra o seu destino e amosaron ser quen nun mundo onde o feito de ser home anulaba por completo a muller. Ela, por si mesma conseguiu chegar a ser unha das mulleres máis importantes do mundo na Belle Époque”. Así presenta Miguel Ángel Martínez Coello á Bela Otero nun libro no que este alumno do Programa Universitario de Maiores reivindica a súa figura para a historia.
O libro, titulado A Bela Otero e editado pola Fundación Martínez Coello, foi presentado este xoves na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. No acto, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, quixo recoñecer ao seu autor o seu traballo “día a día” no campus de Ourense como membro do Programa Universitario de Maiores. Miguel Ángel Coello, xunto á súa muller Antonia, indicou Esther de Blas, “son un claro exemplo de que a idade non é un atranco senón unha oportunidade para facer múltiples actividades”. Pola súa banda, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, lembrou que A Bela Otero é unha figura histórica “esquecida, que quedou nese limbo dos personaxes difíciles de explicar” e que “non tivo o tratamento rigoroso e científico que merecía”. Por este motivo, destacou o valor da obra presentada este xoves e felicitou ao seu autor “pola valentía de abordar un personaxe desta complexidade”.