Preto de 80 estudantes sénior ampliarán coñecementos e experiencias no campus

A día de hoxe, o ciclo intensivo conta con 61 matriculados e o integrado con 16

Contribuír ao desenvolvemento cultural, social e persoal das persoas de máis de 55 anos constitúe un dos obxectivos centrais do Programa Universitario de Maiores (PUM) da Universidade de Vigo, unha proposta formativa que neste curso 2022/2023 contará con preto de 80 alumnos e alumnas no campus pontevedrés. Co obxectivo de presentarlles os diferentes servizos que a institución académica pon á súa disposición, a Vicerreitoría do campus acolleu este xoves un acto de benvida a un grupo de alumnos e alumnas que son “Universidade en estado puro”, como salientou a vicerreitora, Eva Lantarón, responsable de abrir este acto xunto coa coordinadora do PUM no campus, Ana Acuña.

A falta de que o 30 de setembro peche o prazo de matrícula das persoas que continúan estudos no ciclo intensivo do programa, o deseñado especificamente para este colectivo, a día de hoxe o PUM conta en Pontevedra con 61 persoas matriculadas neste primeiro ciclo, 12 delas estudantes de novo ingreso. A estas súmanse os 16 alumnos e alumnas do ciclo integrado, no que o alumnado sénior cursa materias de diferentes titulacións xunto cos estudantes de grao. Coa idea de “darvos a benvida, sobre todo ao alumnado que se incorpora por primeira vez”, como salientou Acuña, a Casa das Campás acolleu un acto no que puideron coñecer os servizos da Área de Benestar, Saúde e Deporte, biblioteca e servizos informáticos, así como o labor da asociación de alumnado e exalumnado sénior Asaexs, da man da súa presidenta, Gloria Prieto.

Ler a nova completa no DUVI