O Programa de Maiores retoma as súas charlas abertas á cidadanía en locais de Vigo, Ourense e Pontevedra

Programa de Maiores Universidade de Vigo
Embaixadores de coñecemento

En Ourense serán o martes 24, en El Cercano, e en Pontevedra o 25, en La Gramola

Que pasa cando mesturamos cafés, coñecemento e moitas ganas de compartir e aprender? Nace ‘Embaixadores e Embaixadoras da ciencia e do coñecemento’, un ciclo de charlas no que o alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM) da Universidade de Vigo cambia as aulas por cafetarías para compartir co conxunto da cidadanía uns minutos ‘de ciencia e vida’.

A cuarta edición desta iniciativa, impulsada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), arrancará o vindeiro martes 17 de xuño en Vigo, continuando o martes 24 en Ourense e o mércores 25 en Pontevedra. “Serán tres tardes para deixar os prexuízos fóra e abrir ben os oídos: porque nestes faladoiros, a sabedoría medra coa experiencia e a ciencia faise conversa”, salientan desde a UCC+i, ao tempo que lembran que esta proposta está enmarcada dentro do plan anual Ciencia de ida e volta da UCC+i da Universidade de Vigo, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

O alumnado do PUM ten moito que contar e farao da mellor maneira: “con paixón, sinxeleza e moito humor”. Como é habitual falarase de temas moi presentes no día a día: desde tecnoloxía láser ata marcha nórdica pasando pola produción cinematográfica e, nesta aventura, non estarán sós. Cada intervención contará co apoio e asesoramento de persoal investigador da UVigo, que os axudou a preparar os relatorios combinando rigor científico e vivencia vital.

Ler a nova completa no DUVI