O campus únese á conmemoración dos 20 anos do Programa Universitario de Maiores

Na actualidade o PUM conta con 75 estudantes en Ourense

Ao igual que aconteceu nos demais campus da Universidade de Vigo, o Programa Universitario de Maiores (PUM) no campus de Ourense celebra este venres o seu XX aniversario. Nel farase memoria e renderase homenaxe ás persoas maiores de 55 anos que ao longo destas dúas décadas buscaron nas aulas universitarias “un coñecemento socrático, é dicir aprender por aprender, só pola simple realización persoal e humana”, tal e como indica Alberto Vaquero, coordinador deste programa no campus de Ourense nos últimos nove anos.

O acto celebrarase ás 18.30 h na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e contará coa intervención de, ademais de Alberto Vaquero, de Celso Pumar, presidente das Aulas Abertas do Campus de Ourense, e Antón Lois Fernández, profesor do PUM, que ofrecerá a conferencia Educación e felicidade. O coñecemento fainos máis libres. Nel tamén se lembrará a José María Santos González “alumno, profesor e amigo” do Programa Universitario de Maiores en Ourense e director do seu coro, falecido recentemente.

Ler a nova completa no DUVI