Un ano máis, Alex Ferradás, persoa dependente dunha cadeira de rodas dende o ano 2006 e un dos fundadores do proxecto Working Wheels, que traballa pola accesibilidade e a integración, achegouse ao campus de Ourense para ofrecer unha conferencia. A través da súa historia persoal, o alumnado do Programa Universitario de Maiores puido achegarse ás emocións que experimenta unha persoa en cadeira de rodas e os retos que afrontan no seu día a día. A súa intervención realizouse no marco da materia de Intelixencia Emocional, impartida pola profesora Isabel Ferreiro, na que se aborda “a conceptualización das emocións e a súa distinción con estado de ánimo e sentimento, do cerebro emocional e racional e de como as emocións poden influír na saúde”.