É un programa deseñado para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, ofrecéndolles un espazo axeitado para o intercambio de coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural, favorecendo un estilo de vida activo e saudable.
Información básica
A quen vai dirixido o ciclo integrado?
Poderán solicitar o acceso aos estudos que configuran o ciclo integrado:
a) O alumnado que superase os estudos correspondentes ao ciclo intensivo ou programas universitarios equivalentes.
b) As persoas maiores de 50 anos que, sen ter cursado ou superado os estudos sinalados no punto a), acrediten estar en posesión dun título oficial universitario ou legalmente equivalente.
Prazas
As prazas ofertadas para cada materia atópanse nos impresos de matrícula de cada campus.
Créditos e materias
O ciclo consta de 36 créditos. O alumnado poderase matricular nun máximo de 18 créditos ECTS cada curso académico.
En ningún caso os créditos cursados no ciclo intensivo do Programa para maiores poderán computarse ou validarse como créditos do ciclo integrado.
A oferta de materias no ciclo integrado realizarase cada curso académico con materias que sexan impartidas nese momento nalgunha das titulacións oficiais de grao da Universidade de Vigo, e que cada centro oferte para o Programa para maiores.
As materias ofertadas clasificaranse en catro ámbitos de coñecemento en función da titulación de orixe: humanidades, ciencias, enxeñaría ou ciencias sociais e xurídicas. Para a matrícula, o alumnado do ciclo integrado deberá elixir entre todas as materias de grao que se lle oferten no campus elixido, e que se desenvolverán ao longo dos dous cuadrimestres en cada un dos campus.
Título
Unha vez superados 36 créditos ECTS dos que se compón o ciclo integrado, outorgaráselle un título propio de «universitario ou universitaria superior sénior». No caso de que o alumno ou alumna supere un mínimo de 24 créditos dun mesmo ámbito de coñecemento, engadiráselle ao título obtido o recoñecemento como experto ou experta no ámbito correspondente.