As “Mareas do Coñecemento” da Universidade de Vigo percorren Galicia co obxectivo de achegar o saber científico, artístico e tecnolóxico á poboación sénior.

Esta iniciativa consolida o compromiso da institución coa formación permanente, levando a excelencia académica máis aló dos campus e adaptando a súa oferta ás necesidades de cada comarca en Pontevedra e Ourense.
Este proxecto itinerante de formación universitaria naceu ao abeiro do Programa de Maiores da Universidade de Vigo e oferta programas específicos para cada concello das diferentes comarcas das provincias de Pontevedra e Ourense.
Na última edición en 2026, o programa experimentou un notable incremento no número de vilas participantes ao incorporar cinco novos concellos, acadando así un total de once sedes: Allariz, Barro, Cambados, Catoira, Covelo, Celanova, Lalín, Moaña, Poio, O Rosal e Soutomaior.
O programa, que se desenvolve gracias ao impulso da Universidade de Vigo e conta cunha subvención da Consellería de Política Social e Igualdade, xurdiu no marco da Rede Galega de Programas Universitarios para Maiores en 2018 co fin de afrontar dende o eido universitario os retos do envellecemento da poboación e acadar obxectivos comúns na aprendizaxe ao longo da vida. Deste xeito, trátase de deseñar e organizar actividades formativas e de extensión cultural destinadas ás persoas que, por motivos xeográficos ou económicos, non poden asistir aos Programas Universitarios para Maiores nas sedes oficiais dos tres campus. Achegando a universidade á contorna rural de Galicia.
Os seminarios ofertados inclúen contidos transversais sobre arte e historia que poñen o foco no patrimonio local, centrándose no patrimonio do propio concello, catedral de Ourense, casco antigo de Allariz, etc. Ademais, na maioría dos casos incorpóranse aspectos tecnolóxicos sobre a Intelixencia Artificial ou a protección fronte as estafas e timos con base tecnolóxica. Tamén se abordan cuestións económicas sobre materias fiscais e impostos, para aqueles concellos que así o pediron.
Finalmente, outro gran bloque de seminarios relacionase co envellecemento saudable, con contidos sobre saúde física como a prevención das caídas, as reaccións en caso de urxencia médica, a realización de exercicio como pilates para a mellora das saúde; e contidos relacionados coa saúde mental, abordando a intelixencia emocional, o mantemento dunha mente saudable.
As Mareas do Coñecemento celebran oito anos de traxectoria, reafirmándose como unha ventá aberta ao saber e unha mostra do que a Universidade de Vigo pode ofertar aos maiores da súa contorna.
