Querer aprender e querer ensinar: a voluntariedade de alumnado e profesorado, clave do éxito
En outubro de 2002, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo daba luz verde á creación das Aulas de Formación Aberta, o que hoxe en día é o Programa Universitario para Maiores (PUM). Nacía así unha iniciativa innovadora que tiña como obxectivo “ofrecer educación universitaria aos colectivos con difícil acceso á mesma e universalizar a cultura e o coñecemento “, como se recollía no Duvi o 25 de outubro dese ano. Dende entón pasaron por estas aulas nos tres campus 7700 estudantes sénior. O programa, primeiro dividido nun ciclo intensivo de tres anos e outro de especialización de dous, mantén na acualidade unha estrutura moi similar, cun ciclo intensivo e outro integrado.
O seu principal impulsor foi Antón Fernández, que naquel momento era vicerreitor de Titulacións, Posgrao e Formación Permanente. Na primeira edición eran arredor de 30 estudantes en cada campus. Dúas décadas despois son preto de 400, pero a cifra de matriculados antes da pandemia chegou a superar os 600, por exemplo no curso 2015-2016 con 635 estudantes, o con 600 no 2019-2020. “Vendo que os datos de alumnado matriculado no programa foron medrando curso a curso ata chegar a números que, no momento da súa posta en marcha, eran inimaxinables, é evidente que a saúde do programa é excelente”, destaca o seu artífice.
Para celebrar estas dúas décadas de boa saúde, nas próximas semanas terán lugar tres actos, un en cada campus. Este venres…