Pontenciencia reunirá máis 650 escolares na Escola de Enxeñaría Forestal

O evento final da décima edición deste proxecto desenvolverase o 5 e 6 de maio

Dirixido a estimular a participación cidadá nos procesos científicos e facer visible a ciencia entre os nenos e nenas, o proxecto Pontenciencia cumpre dez anos neste 2023 e farao reunindo máis de 650 estudantes de 18 colexios e institutos no seu evento final, que terá lugar os días 5 e 6 de maio na Escola de Enxeñaría Forestal. Nestas dúas xornadas, este centro do campus pontevedrés será escenario dunha nova edición da Feira da Miniciencia, na que estudantes de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, así como familias, presentarán as 39 investigacións que desenvolveron nos últimos meses no marco deste programa e que serán avaliadas por un comité integrado por investigadores e investigadoras de diferentes facultades e escolas.

Ler máis…

Incorporación do Programa de Maiores

Unha das novidades desta décima edición é a incorporación a esta programación das propostas impulsadas polo Programa Universitario de Maiores. Concretamente, tanto na xornada do venres como na do sábado desenvolverase un obradoiro que permitirá experimentar en primeira persoa o voo de drons ao tempo que se aprenden as súas características e aplicación. Ademais, na mañá do sábado, este programa organiza tamén un taller sobre a historia da fotografía, unha actividade que permitirá aprender a xogar ao xadrez, tanto nun taboleiro normal como xigante, e outra centrada en “a evolución das formas de habitar e de coidarse” a través da linguaxe e dos obxectos da vida cotiá.